RESONANS VISITA O CONSERVATORIO DE MÚSICA DE OURENSE

O pasado 10 de xaneiro, horas antes do seu recital no Teatro Principal de Ourense, as dúas violinistas do quinteto Resonans visitaron o Conservatorio Profesional de Música de Ourense para compartir cos estudantes a súa experiencia coma ensemble de recente creación.

Ane Matxaín e Virginia G. Leonhardt repasaron tamén a historia de Piazzolla e do bandoneón, o instrumento máis característico do tango arxentino pero que ten a súa orixe na música sacra alemana. E fixérono porque no seu recital interpretaron, entre outras, o “Adiós Nonino” e un arranxo para quinteto de corda con bandoneón das “Catro Estacións Porteñas” do compositor bonaerense.

Escorba ao xingro” que, no barallete dos músicos quere dicir “Escoita ao músico” é unha das actividades paralelas ao ciclo de concertos organizadas polo Enclave de Cámara para achegar e difundir a música de cámara en Ourense.


ENCONTRO CO ENSEMBLE PRAETERITUM NO CONSERVATORIO DE OURENSE

Tres membros do Ensemble PraeteritumPablo Suárez Calero (concertino violín), Laura Delgado (violín) e Paula García (viola) – participarán no que será o último encontro da tempada con estudantes do Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

ESCORBA AO XINGRO! (na lingua dos xingros, “Escoita ao músico”)

Será o xoves 3 de maio ás 16.00 h, pouco antes do concerto que o Ensemble ofrecerá no Teatro Principal de Ourense e no que interpretará a versión “senza fine” das Catro Estacións de Antonio Vivaldi. Unha particular versión na que cada estación e movemento están ligados entre si con improvisacións e cadencias ao violín ou á tiorba, resultando deste xeito unha obra sen interrupción.

Este encontro, organizado polo Enclave de Cámara en colaboración co Conservatorio, súmase aos outros dous realizados ao longo do ano no que referentes da música de cámara como Cristina Pato (GAL), Nicholas Cords (USA) ou o Dúo Cassadó (CAT) debateron e compartiron a súa experiencia profesional con estudantes, profesores e público xeral.

O DÚO CASSADÓ, NO CONSERVATORIO DE MÚSICA DE OURENSE

Marta Moll e Damián Martínez, compoñentes do Dúo Cassadó, acudiron ao Conservatorio Profesional de Música de Ourense horas antes do seu concerto programado polo Enclave de Cámara en Ourense.

Alí, ante estudantes e profesores de música, falaron da importancia da perseverancia nesta profesión “atípica”, así como da importancia da formación. A pianista canaria convidou aos rapaces asistentes a que lle insistan a seus pais para que os leven a todo tipo de concertos. “Yo en ocasiones he aprendido más escuchando un concierto que recibiendo una clase particular“- afirmaba Marta.

Artei Theotornio, alumno de chelo de 15 anos, animouse a interpretar unha obra de Bach para recibir as correcións e consellos de Damián Martínez, un dos chelistas actuais máis interesantes do panorama clásico español.

Con este encontro co público, o Enclave de Cámara pretende achegar o programa do ciclo e a experiencia dos músicos que visitan Ourense aos estudantes de música que, sen dúbida, agradecen coñecer de primeira man a artistas coma o Dúo Cassadó.

Nesta actividade que o ciclo denominou “Escorba ao Xingro” (no barallete dos músicos, “Escoita ao músico”) participaron nesta tempada artistas como Cristina Pato e Nicholas Cords e na pasada outros coma o pinaista Juán P. Floristán.