PRESENTACIÓN DA 6ª EDICIÓN

Na imaxe: Patrick Alfaya (asesor do ciclo), Jesús Vázquez (alcalde de Ourense), Belén Iglesias (concelleira de cultura), Carlos M. Carbonell (productor) e Alba Fernández (ilustradora)

Ourense, 24/09/18 | Hoxe presentouse en Ourense unha nova edición – e xa van 6 – do Enclave de Cámara. De outubro a xuño, oito concertos no Teatro Principal cunha oferta camerística que vai dende os inicios do S. XVIII ata a contemporaneidades.

Patrick Alfaya, asesor artístico do ciclo, destacou na rolda de prensa a presenza de importantes músicos e compositories galegos no ciclo como Fernando Buíde, que estreará unha obra – encargo do propio Enclave de Cámara – interpretada polo ourensán Dúo Rivera no último concerto da temporada.

Tamén salientou a amplitude de propostas e formacións, así coma os recitais que ofrecerán os dous grandes do piano no estado español na actualidade: Josep Colom (acompañado pola clarinetista Ona Cardona) e Javier Perianes.

Alba Fernández, ilustradora ourensá á que se lle encomendou a renovada imaxe do ciclo, explicou aos xornalistas como co seu deseño quixo captar a atmosfera máxica e intimista que se produce nun concerto de música de cámara a través dunha mirada doce, evocadora e onírica en torno á experiencia sensorial da música. “Porque se algo nos permite a música é voar polas nosas propias emocións”- asegurou.

Jesús Vázquez, alcalde da cidade, quixo rematar a presentación agradecendo á Deputación de Ourense a súa colaboración e emprazando á cidadanía a acudir o vindeiro mércores 3 de outubro ao primeiro concerto, o que ofrecerá Orphelion Enslemble, un septeto de corda fundado en Viena en 1988 e formado na actualidade por músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia.