PRESENTACIÓN DA 5ª TEMPADA DO ENCLAVE DE CÁMARA

Ourense, 12/09/17

Esta maña presentouse no salón de plenos do Concello de Ourense a programación da quinta edición do Enclave de Cámara. Un ciclo que, con concertos menusais de outubro a xuño no Teatro Principal, traerá unha vez máis a Ourense a artistas -tanto galegos coma internacionais- de primeiro nivel.

Na presentación deste ciclo xa consolidado na cidade participaron -ademais do Alcalde, Jesús Vázquez, e a Concelleira de Cultrua, Belén Iglesias- o director artístico do ciclo, Patrick Alfaya xunto co productor do mesmo, Carlos M. Carbonell.

Falaron da importancia dunha oferta de música clásica permanente en Ourense así como do esforzo que este ano o festival pretende realizar para implicar aínda máis a novos públicos con actividades didácticas paralelas, charlas no Conservatorio e estreitando as relacións cos centros educativos.

Todos os concertos serán as 20:30 h no Teatro Principal de Ourense. Entre eles, o do ruso Nicolaï Lugansky, un dos pianistas máis destacados a nivel mundial, ou o que Cristina Pato -tamén coma pianista- ofrecerá con Nicholas Cords (viola) pouco antes do nadal. O quinteto de solistas de vento da Orquestra Sinfónica de Galicia ou conxuntos coma Ensemble Praeteritum tamén pasarán por un festival que comezará o vindeiro 4 de outubro co recital do cuarteto de corda Dalia Quartet.