Ourense | 21/09/16

presentacion IV enclave de camara ourense

PRESENTACIÓN DA IV TEMPADA

O claustro de San Francisco acolleu esta mañá a presentación da IV tempada do Ciclo de música Enclave de Cámara, que se desenvolverá no Teatro Principal os primeiros mércores ou xoves de cada mes ás 20:30 horas ata xuño de 2017. “Tratamos de conciliar unha oferta que inclúa sectores amplos de público, chegando tamén a un estilo coma o da música de cámara”, afirmaba a titular de Cultura, Belén Iglesias, “un cartel de luxo para a cidade de Ourense, que traerá a magníficos artistas, e ademais incrementa a representación galega dentro ciclo”, dixo. Xunto á concelleira, estiveron presentando o ciclo Enclave de Cámara Patrick Alfaya, colaborador artístico do ciclo, e Carlos M. Carbonell, produtor do mesmo.

A primeira cita co ciclo será o vindeiro 6 de outubro coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por James Dahlgren, e ao longo dos vindeiros meses pasarán polo Principal formacións coma o cuarteto Attaca, The Bramhs Project ou o quinteto de vento e madeira Zoar. O ciclo é unha programación estable de concertos, organizada polo departamento de Cultura do Concello de Ourense. Nesta IV edición, de maneira similar ao resto dos anos, procúrase ofrecer un programa amplo, no que dar cabida a todo tipo de propostas e achegar ao público da cidade unha oferta musical e de calidade.