Coa fin de acadar unha maior dinamización do ciclo e chegar a novos públicos e audiencias, o V Enclave de Cámara incorpora aos xa tradicionais encontros co público no Conservatorio a Maralla e os Chisquelos do Enclave.

Maralla? Chisquelos? E isto que é?

Ourense é terra de músicos. Diso non hai dúbida. Pero sabías que os músicos populares de bandas e orquestras chegaron a desenvolver o seu propio idioma a principios do S.XX? Foi o chamado barallete dos xingros (lingua dos músicos) que naceu nas aldeas da Merca pero que, de verbena en verbena foise espallando por toda a provincia de Ourense. Era unha lingua de traballo necesaria, para poder falar en clave sobre o público, a comisión de festas, os cartos ou os amores. Pero era unha xerga vulgar, de torreiros e tabernas, á que agora lle queremos abrir as portas do teatro para que busque tamén o seu lugar -e por que non- entre butacas e músicos de cámara.

ESCORBA AO XINGRO

( Escoita ao músico ) Continúan as charlas / encontros dalgúns dos músicos dos concertos con estudantes de música no Conservatorio de Música de Ourense, abertas tamén ao público xeral. Na pasada tempada pasaron por alí agrupacións como The Brahms Project ou solistas coma Juán P. Floristán.

A MARALLA DO ENCLAVE

( O público do Enclave ) Actividade de captación de novos públicos. Convídase a cada concerto a dúas persoas de diferentes entornos e colectivos, potenciais asistentes. Descubrindo con eles os principais impedimentos para non teren acudido así como o máis destacado da experiencia dun concerto do Enclave.

Se nunca fuches a un concerto de música de cámara / clásica e pícache a curiosidade por saber como é CONTÁCTANOS, que se cadra dámosche unha boa noticia!

info@enclavedecamara.com

Podes consultar o noso MANUAL PARA PRINCIPIANTES do Enclave. Con todas as claves para gozar ao máximo dun concerto de cámara

CHISQUELOS DO ENCLAVE

( Anacos do Enclave ) Realización de pequenas reportaxes de cada concerto que acheguen a música de cámara en vivo e o ciclo do Enclave de Cámara a potenciais públicos e seguidores.

8 episodios, 8 lembranzas, 8 noites de música clásica no Teatro Principal de Ourense. Un resumo en vídeo do espírito do recital, dos artistas e as súas impresións, do público e da cidade detida que o acolle.

En colaboración coa CRTVG para musi.gal