KEBYART ENSEMBLE

CUARTETO DE SAXOS

Desde a súa creación no ano 2014, converteuse nun dos grupos de cámara con máis proxección da súa xeración.

Foron galardoados en prestixiosos concursos nacionais e internacionais: primeiros premios no Orpheus Swiss Chamber Music Competition, International Franz Cibulka Competition, El Primer Palau e o Premio BBVA de Música de Cámara Montserrat Alavedra, entre outros. No ano 2015 foron premiados na 84ª edición do Concurso Permanente de Juventudes Musicales de España .

Kebyart Ensemble ofreceu concertos por toda a península e tamén no estranxeiro, en países como Alemaña, China, Francia, Rusia, Austria, Países Baixos, Suíza e Luxemburgo. Foron programados nas temporadas do Palau de la Música Catalana, Auditori de Barcelona, Fundación Juan March… Os seus próximos compromisos levaranos a salas como o Wigmore Hall de Londres, o Konzerthaus Berlin e o Stadt Casino Basel, entre outros.

Ao longo da súa traxectoria, traballaron con músicos de renome como Kennedy Moretti, o Cuarteto Casals, Cuarteto Quiroga, Hatto Beyerle (Alban Berg Quartett), Artemis Quartet, Jerusalem Quartet, Johannes Meissl, Nacho Gascón e Vincent David, entre outros. Ademais, tocaron xunto a outros artistas destacados como Dénes Várjon, Xavier Sabata e Albert Guinovart.

Desde o ano 2018 é un dos grupos da European Chamber Music Academy (ECMA) e, actualmente, reside en Basilea onde se forma con músicos da altura de Rainer Schmidt (Hagen Quartett), o fagotista Sergio Azzolini e os pianistas Claudio Martínez-Mehner e Anton Kernjak.

A súa liña artística é unha clara aposta en tres direccións: a reivindicación do repertorio orixinal, o compromiso coa música de nova creación e a revisión de obras doutras formacións mediante transcricións propias.

O seu primeiro traballo discográfico Accents foi loado pola crítica especializada. Son artistas Selmer e Vandoren desde 2017.

Web Kebyart Ensemble

PROGRAMA

I Parte

  • Joseph Haydn (1732-1809) | Cuarteto Op. 33 Num. 3 en do maior “O paxaro” (1781) [Transcrición Kebyart Ensemble’]
    • Allegro moderato | Scherzo: Allegreto | Adagio ma non troppo | Finalle: Rondo – Presto
  • Josquin des Prez (1450/1455 – 1521) | Mille regretz
  • David Ludwig (1974-) | Josquin Microludes (2012)
    • Milles regetz de vous abandonner… | et d’eslonger vostre fache amoureuse | jay si grand dueil et paine doloureuse… | quon me verra brief mes jours definer… | brief mes jours definer…

II Parte

  • Aleksandr Glazunov (1865-1936) | Cuarteto para saxofóns, Op. 109 (1932)
    • Première Partie | Canzone variée; Variations No. 1-5 | Finale

 

Notas sobre o programa

Nunha carta ao príncipe de Oettingen-Wallerstein, Joseph Haydn destacaba que a nova colección de cuartetos Op. 33 estaba composta “nunha maneira completamente nova e especial”, en comparación cos Op. 20, escritos nove anos atrás. As seis obras  marcaron un fito na síntese dos procesos formais, o uso do material temático e o tratamento lúdico. Este cristalino terceiro cuarteto en do maior foi alcumado “O paxaro” pola imitación de cantos de ave que percorren desde o primeiro movemento ata o último, unha luminosa danza de inspiración folclórica construída a partir dunha terceira  menor descendente, que evoca o cuco.

Para o compositor americano David Ludwig, o exercicio de botar a ollada ao pasado constitúe unha fonte de inspiración constante. En 2012 decide centrarse na chanson francesa Mille regretz, atribuída a Josquin des Prez, para compoñer cinco miniaturas que transfiguran a polifonía orixinal cara a un terreo musical radicalmente moderno.

“Milles regetz de vous abandonner…”. O verso inicial da canción de Josquin podería ter saído perfectamente dos labios do compositor ruso Aleksandr Glazunov en 1928. Con sesenta e dous anos de idade, aproveita a asistencia á celebración do centenario de Schubert en Viena para desertar e non regresar xamais á súa terra natal. Establécese en Paris, onde coñece o saxofón clásico da man de Marcel Mule e decídese a escribir un cuarteto de saxofóns, escrito coa estética lírica e nostálxica que caracteriza a súa música, que se converteu na pedra angular do repertorio para esta formación.

Xoves 14 Xaneiro 2021 | 20:30 h | Auditorio Municipal de Ourense

Entradas online á venda ou dende dúas horas antes do concerto na billeteira do auditorio.

MERCAR ENTRADAS ONLINE

© Foto destacada: Ricardo Ríos