IRMÁS NAUGHTON

Dúo de pianos | Christina Naughton e Michelle Naughton

Continúa a cuarta tempada do ciclo Enclave de Cámara  2016 – 2017, de volta no seu escenario habitual do Teatro Principal de Ourense. Nesta ocasión o protagonista é o piano co recital a dous pianos das Irmás Naughton este xoves 1 de decembro ás 20:30h cun amplo repertorio que inclúe obras de Mendelssohn, Ravel, Schoenfield, Mozart, Granados (no centenario do seu falecemento) e un arranxo para dous pianos da Suite do Crebanoces de Tchaikovski.

Nacidas en Princeton, New Jersey, Christina e Michelle Naughton estudaron nas prestixiosas Juilliard School e o Curtis Institute of Music. cos mestres Evelyne Crochet, Gary Graffman, Joseph Kalichstein, Jerome Lowenthal e Robert McDonald.

As xemelgas pianistas son segundo The Philadephia Inquirer dúas pianistas “emparelladas á perfección” e un dos dúos de piano máis aclamados de hoxe en día.

Desde o seu debut no Kennedy Center en Washington DC en 2009, teñen sido invitadas a tocar nas principais salas de concerto ao redor do mundo. Aclamadas como o dúo de piano do século XXI teñen ofrecido recitais con programas innovadores en salas tales como a Die Glocke Bremen, Herkulesaal Munich, Berlin Kammermusiksaal, Tonhalle Dusseldorf, Kleiner Sendesaal Múnich, Konzertverein Ingoldstadts, Sala Filharmónica de Los Ángeles (Disney Hall), Ciclo de Concertos na Sala da New World Symphony, Kennedy Center for the Arts, Kravis Center, San Francisco Chamber Music Series, Palau de Valencia, Sala São Paulo e o Palacio de Bellas Artes en México.

Como solistas teñen tocado coas Sinfónicas de Houston, Filadelfia, Atlanta, Filharmónica Real de Flandres, Estrasburgo, San Petersburgo, dos Países Baixos (Concertgebouw), Solistes Europeens Luxenbourg, Coro Hamburgo, Filharmónicas de Kiel, Norddeutsche Rostock, Orquestra do Estado de São Paulo (Osesp) e Filharmónica de Hong Kong. Teñen colaborado con directores da talla de Dutoit, Denève, De Waart, Guerrero, Karabatchevsky, Krivine, Macelaru, Orozco Estrada. Stern e Falleta.

Despois da súa actuación coa Orquestra Filharmónica de Hong Kong, o xornal Sing Toa proclamou “Unindo dous corazóns a catro mans en dous pianos de cola, as irmás Naughton crearon unha electrizante e emocionante actuación musical. Tocaron como dúas persoas que se cantan  unha á outra, creando un dúo fascinante que ningunha interpretación dun só piano podería lograr.” Agora chegan a España para tocar no ciclo Enclave de Cámara de Ourense, Madrid, e Alacant, dentro dunha xira europea que inclúe ademais concertos en Portugal e Alemaña.

As irmás Naughton teñen un contrato exclusivo coa discográfica Warner Classics e o seu CD “Visións” foi “Listener´s Choice” da Revista Gramophone de maio 2017. Están tamén incluídas no prestixioso grupo de Artistas Steinway do célebre fabricante de pianos.

 

Web das Irmás Naughton


PROGRAMA

I PARTE

Félix Mendelssohn (1809–1847) | Andante e Allegro Brillante Op. 92 en La maior (10′)

 Maurice Ravel (1875-1937) | Miña nai a Oca, suite  (15′) | Pavana da Bela Dormente | Polgariño |  Meniña fea, Emperatriz das Pagodas | Conversa da Bela e a Besta | O Xardín encantado

Wolfgang Amadeus Mozart (1756–1791) | Variacións KV 501 en Sol maior (8′)

Paul Schoenfield (1947) | “Boogie” (4′)

II PARTE

Enrique Granados (1896–1916) | 2 Marchas Militares (9′)

Piotr Ilich Tchaikovsky (1840-1893) | Suite do Crebanoces por Nicolas Economou para dous pianos (23′) | Overture Miniature | Marcia- Tempo Di Marcia Viva | Danse De La Fee Dragee. Andante Non Troppo | Danse Russe Trepak. Tempi di trepak, Molto Vivace | Danse Arabe. Allegretto | Danse Chinoise. Allegro Moderato | Danse Des Mirlitons. Moderato Assai | Valse Des Fleurs. Tempo De Valse

Save