CRISTINA PATO e NICHOLAS CORDS

Cristina Pato piano | Nicholas Cords viola

Cristina Pato e Nicholas Cords levan máis de doce anos traballando xuntos no Silk Road Project do violonchelista Yo-Yo Ma, onde Nicholas Cords traballa como programador dos concertos da formación e como viola, e onde Cristina Pato o fai como asesora de educación, pianista e gaiteira.

Os dous artistas percorreron o mundo con Yo-Yo Ma facendo xiras polos teatros máis emblemáticos de China, Corea, EEUU, Emiratos Árabes e Europa. Desde a New York Philharmonic do Lincoln Center de Nova York, ata os concertos da Universidade de Harvard, pasando polo Concertgebouw de Holanda, a Ópera de Paris ou a de Muscat (Omán), Cristina e Nick comparten experiencias musicais e profesionais que os fixeron revisitar a idea do que significa un concerto de cámara na sociedade do século  XXI.

Como programador e asesora de educación, Nick e Cristina traballaron nos últimos anos no deseño de programas de concertos para institucións académicas nas que os dous artistas combinan os seus traballos para crear programas con significado que axuden a revalorizar o poder da música na sociedade a través de residencias universitarias, concertos temáticos e conferencias concerto.

Pato e Cords, como fan nas universidades como a de California ou Harvard, traerán un programa temático, centrado nesta ocasión na idea de transformación e espiritualidade, no que combinarán obras a dúo para viola solo e piano solo. Cords e Pato agardan poder estrear mesmo algunhas das obras escritas para o propio Cords.

Dous artistas con múltiples vidas profesionais e experiencias únicas que traerán unha visión fascinante  e orixinal da música de cámara na actualidade.

Web Silk Road Project | Web Cristina Pato | Web Nicholas Cords

PROGRAMA

Transformación e espiritualidade

  • Cristina Pato, 1980 | Preludio Azul (2017)
  • Arvo Pärt, 1935 | Fratres (1977)
  • ——
  • Dana Lyn, 1974 | Endlessly, I would have walked… (2017)*
  • ——
  • Fernando Buíde, 1980 | Cantiga (2012)**
  • ——
  • Alberto Ginastera, 1916-1983 | Danza de la moza donosa (Tres Danzas Argentinas)
  • Caroline Shaw, 1982 | in manus tuas (2009)
  • Xavier Montsalvatge, 1912-2002 | Pregaria a Santiago
  • ——
  • George Enescu, 1881-1955 | Peza de concerto, para viola e piano
*Encargada por Nicholas Cords. Estrea absoluta.
**Encargada por Juan Ferrer. Estrea da versión para viola e piano.
Duración total do concerto 70 minutos sen intermedio

 FOTOS: José Paz e Erin Baiano.

Xoves 14 Decembro | 20:30 h | Teatro Principal | Ourense

Entradas online á venda ou dende dúas horas antes do concerto na billetería do teatro