O ENCLAVE DE CÁMARA, AGORA TAMÉN EN VÍDEO

O Enclave de Cámara de Ourense celebra nesta tempada 2017/18 o seu quinto aniversario. E que mellor xeito de celebralo que compartindo con toda a cidadanía uns petiscos do Enclave?

Chisquelos do Enclave fórmano 8 episodios, 8 lembranzas, 8 noites de música clásica no Teatro Principal de Ourense. Un resumo en vídeo do espírito do recital, dos artistas e as súas impresións, do público e da cidade detida que o acolle.

Producido por Aborixe Comunicación e Crémilo – Proyectos Audiovsiuales y Distribución de Espectáculos, poderánse ver todos os capítulos na páxina web da CRTVG www.musi.gal

PRESENTACIÓN DA 5ª TEMPADA DO ENCLAVE DE CÁMARA

Ourense, 12/09/17

Esta maña presentouse no salón de plenos do Concello de Ourense a programación da quinta edición do Enclave de Cámara. Un ciclo que, con concertos menusais de outubro a xuño no Teatro Principal, traerá unha vez máis a Ourense a artistas -tanto galegos coma internacionais- de primeiro nivel.

Na presentación deste ciclo xa consolidado na cidade participaron -ademais do Alcalde, Jesús Vázquez, e a Concelleira de Cultrua, Belén Iglesias- o director artístico do ciclo, Patrick Alfaya xunto co productor do mesmo, Carlos M. Carbonell.

Falaron da importancia dunha oferta de música clásica permanente en Ourense así como do esforzo que este ano o festival pretende realizar para implicar aínda máis a novos públicos con actividades didácticas paralelas, charlas no Conservatorio e estreitando as relacións cos centros educativos.

Todos os concertos serán as 20:30 h no Teatro Principal de Ourense. Entre eles, o do ruso Nicolaï Lugansky, un dos pianistas máis destacados a nivel mundial, ou o que Cristina Pato -tamén coma pianista- ofrecerá con Nicholas Cords (viola) pouco antes do nadal. O quinteto de solistas de vento da Orquestra Sinfónica de Galicia ou conxuntos coma Ensemble Praeteritum tamén pasarán por un festival que comezará o vindeiro 4 de outubro co recital do cuarteto de corda Dalia Quartet.

 

XA TRABALLAMOS NA V EDICIÓN DO ENCLAVE DE CÁMARA

Estamos xa a darlle forma ao programa da próximo – e xa van cinco edicións – Enclave de Cámara. Entusiasmados ante o éxito desta pasada edición, traballamos para que o mellorciño do panorama internacional da música de cámara pase por Ourense. Porque a música é a clave e Ourense, o ENCLAVE.

Se precisas poñerte en contacto coa organización do ciclo, este é o noso mail: info@enclavedecamara.com

THE BRAHMS PROJECT NO CONSERVATORIO DE MÚSICA DE OURENSE

Horas antes do concerto de The Brahms Project ofreceu no Teatro Principal de Ourense, dous dos integrantes do cuarteto –Josep Colomé (piano) e David Apellániz (violonchelo)- mantiveron un encontro con alumnos e público xeral no Conservatorio de Música de Ourense.

Falaron da súa traxectoria e experiencias coma solistas e coma parte do “Proxecto Brahms” e agasallaron ó público cun arranxo para violín e violonchelo da Cançó del Lladre, canción popular catalana composta no século XVIII.

CONCERTO DO CUARTETO AKILONE NO LICEO DE OURENSE

O Enclave de Cámara muda – unicamente para este concerto – de escenario!
Desta vez, o concerto terá lugar no Liceo de Ourense o xoves 3 de novembro ás 20:30h, onde as catro músicas que compoñen o Cuarteto Akilone nos deleitarán cun variado repertorio con tres cuartetos, dende Haydn ata Ravel, intercalando un cuarteto de Mendelssohn.
As entradas están xa á venda online por un prezo único de 5 € ou, se prefires, no propio Liceo (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5) dende unha hora antes do concerto.

PRESENTACIÓN DA IV TEMPADA

O claustro de San Francisco acolleu esta mañá a presentación da IV tempada do Ciclo de música Enclave de Cámara, que se desenvolverá no Teatro Principal os primeiros mércores ou xoves de cada mes ás 20:30 horas ata xuño de 2017. “Tratamos de conciliar unha oferta que inclúa sectores amplos de público, chegando tamén a un estilo coma o da música de cámara”, afirmaba a titular de Cultura, Belén Iglesias, “un cartel de luxo para a cidade de Ourense, que traerá a magníficos artistas, e ademais incrementa a representación galega dentro ciclo”, dixo. Xunto á concelleira, estiveron presentando o ciclo Enclave de Cámara Patrick Alfaya, colaborador artístico do ciclo, e Carlos M. Carbonell, produtor do mesmo.

A primeira cita co ciclo será o vindeiro 6 de outubro coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por James Dahlgren, e ao longo dos vindeiros meses pasarán polo Principal formacións coma o cuarteto Attaca, The Bramhs Project ou o quinteto de vento e madeira Zoar. O ciclo é unha programación estable de concertos, organizada polo departamento de Cultura do Concello de Ourense. Nesta IV edición, de maneira similar ao resto dos anos, procúrase ofrecer un programa amplo, no que dar cabida a todo tipo de propostas e achegar ao público da cidade unha oferta musical e de calidade.